![]()
|
Monfero | ||||||||||||
Houbo un tempo en que o fabuloso e peculiar mosteiro de Santa María gobernaba na comarca e as fragas do río Eume eran extensas e vizosas. O mosteiro remóntase ao século X, polo tempo en que San Rosendo fundaba o veciño de Caaveiro. Destruído polos normandos, reconstruíuno en 1124 o rei galego Afonso VII. En 1147 pasou a depender da orde do Císter, de quen deriva a maior parte da arquitectura do mosteiro. Trala exclaustración, seguir empregando a igrexa para misar fixo que o convento resistise mellor o paso do tempo. Pero Monfero é tamén moi montañoso. No centro do concello álzase o monte Pendella, con 712 metros de altitude, dende o que se pode ver unha fermosa panorámica das Mariñas, de Ferrol á Coruña. Pero o máis relevante son, sen dúbida, as paisaxes que crea o río Eume ao seu curso: o Parque Natural das Fragas do Eume, o maior e mellor conservado dos bosques atlánticos. Que ver: O mosteiro (X-XVIII). O mellor conservado e o máis chamativo é a fachada barroca da igrexa, cun xadrezado de lousa e granito, e catro columnas corintias que lle fan a fronte. Aquí xace o máis senlleiro da casa dos Andrade, os nobres que marcaron a historia da comarca e de Galicia. O Parque Natural das Fragas do Eume, con numerosas rotas de a pé que o cruzan. A ponte medieval do Dez, sobre o Frei Vermuz. Tamén a ponte de San Paio ou a de Ponte Lambruxo. Romaría da Nosa Señora da Cela. O primeiro domingo de xullo, no mosteiro. É sona da Virxe curar apoplexías e paroxismos, e de salvar de naufraxios. Recursos turísticos: Casas rurais: Don Bernardo e Lourán Camping: Fragadeume Restaurantes: Casa Juan Cantinas: Capellán e O Francés. |
|||||||||||||